Xunto ao mar, o campo, os oficios, o traxe, a música, a arquitectura popular, o discurso expositivo do novo espazo enlaza unha sucesión de seccións nas que se ofrece un percorrido polas diferentes manifestacións dos usos, costumes, prácticas e crenzas que, en conxunto, caracterizan o pobo galego baixo a perspectiva da antropoloxía social.
Baixo o epígrafe “Espazo e sociedade” inclúese a casa e a familia, a organización territorial, a propiedade e a herdanza, a produción e o intercambio. “O devalar das horas” representa a secuencia dos traballos e os días no decurso dunha imaxinaria xornada. “O tempo, un concepto cíclico” fai un repaso polas festas e os labores propios de cada unha das estacións do ano. “A corrente da vida” abrangue o decorrer da existencia humana desde o nacemento ata a morte. “Crenzas e saberes” ocúpase, por último, das manifestacións simbólicas e das prácticas de protección e curación no mundo tradicional.
Neste ano 2005, no que se conmemora o centenario do nacemento de don Antonio Fraguas, a Fundación por el instituída, que ten como un dos seus fins tutelar as necesidades de desenvolvemento do Museo do Pobo Galego e a crecente demanda de participación da sociedade civil e do mundo empresarial no patrocinio cultural, auspicia este novo espazo expositivo. Para a súa realización contouse co patrocinio da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, a Fundación Caixa Galicia e mais Caixanova. Na montaxe cooperaron un importante número de persoas e entidades de toda Galicia e mesmo do exterior, mediante a doazón ou depósito de obxectos que viñeron completar os fondos do propio Museo sobre as diferentes materias, así como pola cesión de ilustracións ou dereitos de reprodución de fotografías.